O Festival de Cans cumpre 8 anos con dous días cunha morea de actividades ao longo de toda a xornada para públicos de gustos diversos. Hoxe Jorge Coira estreará ’19 comidas’, a súa versión do film ’18 comidas’ cunha escea inédita, a partir das 18 horas no Círculo Recreativo e Cultural de O Porriño, onde haberá desfile de chimpíns e actores e o estreo de ‘Doentes’, protagonizada por Pico e Morris. Xa pola noite música e videoclips no bar Tubulart.
Se á mañá seguinte segues con gañas, chega o prato forte do Festival, o día grande. O Baixo de Moncho acolle dende as 16:30 horas a proxección de dúas das longametraxes documentais máis esperadas da temporada: ‘Brasil somos nós’, dirixida por Robert Bellsolà e protagonizada por Carlos Núñez, e ‘Escuchando al juez Garzón’, unha entrevista en profundidade ao maxistrado realizada por Manuel Rivas e dirixida por Isabel Coixet. Tamén á tardiña daranse a coñecer os novos proxectos dos Fillos de Cans, aqueles que vimos noutas edicións presentando curtas e outros proxectos, e que agora traen as primeiras imaxes das súas primeiras longametraxes.
Despois da procesión de chimpíns amenizada por The Turre’s Band, dará comezo a Noite de estrea, coa presentación dos xurados do festival, das primeiras imaxes do filme ‘Querida Gina’, o primeiro filme protagonizado por dous veciños de Cans, e dos making of da edición de 2010, ‘Un festival na estrada’, e do proxecto Can Campus, ‘Algo terás que facer’. Deseguido, a Asociación Cultural Arela fará entrega do Pedigree’11 a María Pujalte, que tamén colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas, dos Chimpíns de prata a Roberto Vilar e Serafín Campos e dos premios do concurso de videoclips, coa proxección das pezas gañadoras xunto co videoclip do proxecto Can Campus ‘Las mentiras’. Como xa é habitual, o remate da xornada será musical, cun concerto estelar de El Gran Wyoming y los Insolventes e dúas sesións DiscoChimpín, a primeira con Jorge Ilegal e David Morei, de Los Oricios, e a segunda coa actriz Isabel Risco.
Os veciños, protagonistas co Cans Campus
Cans Campus é un proxecto coordinado por Oswaldo García, profesor da Facultade de Comunicación de Pontevedra, e Alfonso Pato, director do Festival de Cans. O traballo arrancou no mes de decembro e nel se implicáronse máis de cincuenta persoas entre estudantes, veciños e os músicos do grupo Sinestesia. Titorizaron todo o proceso os realizadores Juan Lesta e Belén Montero, que ao fronte da súa marca SDK traballaron para grupos como Astrud, Fangoria ou La Buena Vida. Como resultado graváronse dúas pezas audiovisuais, o videoclip ‘Las mentiras’ e o making of de todo o proceso creativo ‘Algo terás que facer’, que agora se estrean dentro da programación de mañá.