Galicia

Socorristas pero non sobradamente preparados

Duvi/Os afogamentos e os fallos á hora de aplicar a reanimación cardiopulmonar básica (RCP) nun salvamento son unha das principais causas de morte accidental entre os máis novos, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). Ante esta situación, Antonio Bores quixo analizar o grao de eficacia do socorrista profesional na intervención acuática, chegando á conclusión de que o proceso de formación e de adestramento empregado ata o de agora “non é o adecuado, porque non chega aos mínimos que esixen as guías 2010 de RCP”. Por iso as liñas de futuro deben encamiñarse a optimizar a preparación e formación do socorrista nas manobras de reanimación “coa introdución de instrumentos que permitan un feedback inmediato da súa aplicación, ademais de procurar un adestramento específico e integrado para enfrontar os rescates” que garanta unha resposta “eficaz e eficiente”.

A pesar de que a idea que prima é de que o tempo de rescate é fundamental, a investigación determinou que “a calidade dunha RCP básica é determinante e consideralo con ese calificativo supón dedicarlle máis atención no proceso de formación, garantindo o cumprimento do que esixen as guías”. A fórmula, un ratio de 30 compresións por dúas ventilacións, cun mínimo de 100 compresións por minuto e cun afundimento de entre 3 e 5 centímetros do tórax. Pero, aínda que “a formación básica todos a temos máis ou menos clara, hai que dedicarlle máis tempo no adestramento diario polo control motor que require”.

Bores recolle na súa tese a necesidade de que os futuros socorristas teñan un adestramento específico e integrado “que contribúa á optimización do tempo de rescate”, xa que na actualidade non hai unha formación homoxénea adaptada ao que verdadeiramente require esta disciplina. Por iso considera que a preparación do socorrista debe ser traballada de maneira global, mellorando os tempos de rescate na auga e a calidade na realización da RCP, “todo moi orientado ao que ocorre na realidade diaria do socorrista, adestrandoo en situacións similares ás que se desenvolven nun rescate acuático profesional, tendo en conta momentos de repouso como de pos esforzo”.

También te puede interesar