Moi difícil tivo a súa elección o xurado do concurso de videoclips do Festival de Cans, que tiveron unha gran variedade de selección este ano, con técnicas moi diferentes e cunha gran calidade visual. Ao final, que levou o gato á auga foi ‘Dos semanas’, de Misterioso viaje a Holanda, realizado por Juan Pablo Etcheberry, na que o realizador tivo a capacidade de facer crecer o tema musical. Quinto premio para Etcheberry en Cans, logo de facerse en 2004 co premio do xurado á mellor curta de animación, en 2005 cos premios do xurado e do público á mellor curta de animación e en 2007 de novo co premio do público á mellor curta de animación. O premio do público ao mellor videoclip deste ano foi finalmente para o grupo local El Cubo e o seu tema ‘La marcha de las hormigas’, traballo realizado Andrés Montenegro e Belén Mendaña.
Xornada de reflexión e festa
Mañá o VIII Festival de Cans celebra o seu día grande con actividades espalladas por toda a parroquia todo o día, desta volta con máis aforo nas salas e máis premios. Na sección oficial a concurso, para a que se puxeron á venda 800 entradas, proxectaranse 17 curtametraxes (12 de ficción e 5 de animación). Este ano aumentaron os premios con dotación económica. Dunha banda, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia achegará a contía para os premios de mellor actor e actriz, 200€ cada un. Doutra banda, entregarase por primeira vez o premio do xurado ao mellor guión, tamén cunha contía de 200€, neste caso patrocinado pola Asociación Galega de Guionistas. Deste xeito, ademais do premio do xurado dos veciños á mellor curtametraxe, repartiranse nove premios con dotación económica, que suman 6.200€.
O programa de acceso libre e gratuíto para aqueles que acudan ao festival sen entrada será máis intenso que nunca: Fernando León de Aranoa fará o coloquio na leira; el e Antón Reixa deixarán a súa pegada no Torreiro das Estrelas; Os Veraneantes amenizarán a procesión de chimpíns; Dabid Rubín amosará a súa Mirada de Cans Can Car Oddisey; haberá concertos de Siniestro Total e Os Tres Trebóns; no Jalpón Friki proxectaranse os videoclips máis frikis do ano e outras pezas; soará na estrada unha gran Descarja Jaiteira; e darán micro concertos no Jaliñeiro Unppluged SraSrSra, Eladio y los Seres Queridos e Nicolás Pastoriza, á par das estreas e presentacións que se farán na Sala Multiúsos.