Nas súas primeiras 24 horas de vida
Leer másRubén Pérez (EU): “É un resultado histórico aínda que quedaramos ás portas de obter un concelleiro”
Era unha candidatura plantexada a dúas lexislaturas, unha de consolidación e outra de representatividade, como ocorreu na Coruña, que hoxe estrea concelleiro de Esquerda Unida. Pero case dan a sorpresa, faltaron algo menos de 500 votos. O candidato de EU en Vigo, Rubén Pérez, asume que os máis de 6.500 votos obtidos hoxe, o 4,5% dos votos, son “un resultado histórico nos 30 anos de democracia, faltounos moi pouco para obter un concelleiro, pero sabiamos que era moi difícil pasar da marxinalidade a estar no Goberno. Pero estivemos a piques”.
Un sabor agridoce que non empaña a ledicia por conseguir que unha forza política “cunha campaña de 2.500 euros feita co traballo de militantes activos poda obter uns resultados como os nosos, que nos colocan nun futuro moi prometedor”. Do que si se queixan é do reparto inxusto que se fai coa lei D’Hont, xa que tendo a metade dos votos que o BNG eles non disporán de ningún concelleiro e os nacionalistas terán 3. “Conseguir un edil sería un feito histórico contra o populismo sen ideoloxías dos grandes partidos que lle quita crédito. Agora imos ter un goberno de bipartito máis xirado á dereita, consolidado con antigo voto do PP”, asegura Pérez.
A alianza con Os Verdes, inviable
A pesar de que historicamente camiñan da man á hora de presentar as súas candidaturas e de que nesta ocasión, sumando os 2.000 votos conseguidos polos Verdes, sería a chave que abrira a porta do Concello ao conseguir máis de 7.000 apoios, Esquerda Unida de Vigo asume o que supón non facer candidaturas conxuntas. “A xente que compoñía a lista non nos daba a credibilidade política necesaria, non eran militantes como no caso da Coruña, e a suma neste caso restaría a Vigo. O voto que conseguiron foron o circunstancial do 15M e o de castigo”, subliña.