Duvi/ A opinión de máis dun cento de profesores e preto de 950 alumnos é unha boa mostra da situación actual dos conservatorios superiores de Galicia, o de Vigo e o da Coruña. Con esta idea, Mª José Cid elaborou un exhaustivo estudo e análise do panorama actual, centrándose especialmente nos efectos da implantación da LOGSE nestes centros. O resultado amosa as eivas pero tamén as potencialidades das ensinanzas superiores de música na nosa comunidade autónoma. Por unha banda, as carencias materiais e de infraestruturas son os motivos principais de insatisfacción entre os docentes, pero tamén entre o alumnado. Por outra, destacan ambos colectivos a falta de formación específica no eido da pedagoxía cando a docencia é a saída profesional maioritaria entre as especialidades do grao superior.
A tese de Mª José Cid amosa así que estes centros, pese aos esforzos de corpo docente e alumnado, non se adaptan á realidade laboral. A maioría dos egresados traballan en conservatorios, escolas de música e institutos e, sen embargo, constátase a “case inexistencia de materias de formación pedagóxica no currículo” e a non implantación das especialidades de pedagoxía dos instrumentos a pesar desta realidade laboral. Outras debilidades do grao superior como a insatisfacción do alumnado con respecto á formación orquestral, a laguna investigadora ao non estar a investigación presente nos centros a pesar de tratarse de centros de ensino superior, ou a falta de coordinación interdepartamental, segundo o profesorado, que tamén se amosa preocupado pola avaliación e o hábito e forma de estudo do alumnado.
Perfil do estudantado
Esta tese serviu tamén para facer unha radiografía do alumnado dos conservatorios en Galicia, nos que se prevalece por riba de todo a vocación, que é o que leva a estes centros aos alumnos. Na súa maioría teñen entre 17 e 25 anos de idade, e máis do 50% traballa ao mesmo tempo que cursa os seus estudos musicais , a maior parte deles no ensino en escolas de música, clases particulares, etc…. Outro dato relevante amosa que un 35 % do alumnado cursa ao mesmo tempo outros estudos de tipo superior.