Duvi/ O ex-reitor da Universidade de Vigo e actual defensor do Cidadán en Vigo, Luis Espada, foi galardoado este venres coa Medalla Castelao 2011 coa que a Administración autonómica distingue aos galegos e galegas autores dunha obra merecente de recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana.
Xunto con Luis Espada Recarey, o decreto da Xunta de Galicia aprobado hoxe acorda distinguir tamén ao empresario Roberto Tojeiro Rodríguez; á doutora e docente da Facultade de Medicina, María del Carmen Porto; ao profesor e primeiro secretario do Partido Socialista de Galicia, Modesto Seara, e ao xurista e catedrático de Dereito Romano Antonio Fernández de Buján y Fernández.
A noticia sorprendeu a Espada facendo un descanso da rutina do seu traballo na Escola de Enxeñería Industrial. Emocionado e agradecido tanto polo galardón como polo proposta do seu nomeamento que partiu do reitor, Salustiano Mato, Espada quixo tamén lembrarse “de toda a comunidade universitaria sen a que este premio nunca tería chegado”. O acto institucional de entrega celebrarase o vindeiro 28 de xuño.
Vencellado á Universidade
Aínda que nado en A Coruña, a Luís Espada Recarey úneo con Vigo toda unha traxectoria persoal e profesional, sendo o primeiro reitor da Universidade viguesa entre 1989 e 1994. Doutorado en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e en Química Aplicada pola Universidade de Manchester, diplomouse en inglés pola Universidade de Cambrigde. É catedrático de Enxeñería Química na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo e profesor emérito da institución viguesa. Foi tamén vicerreitor na Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade é o presidente do Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo.
Conta tamén cunha importante traxectoria investigadora dirixindo 38 proxectos de investigación, como investigador principal, sobre temas medioambientais. Dirixiu 93 proxectos de fin de carreira en Enxeñería Industrial e Minas. Dirixiu 20 teses doutorais e publicou 35 libros e monografías sobre temáticas relacionadas coa universidade e o desenvolvemento sustentable. A cidade olívica recoñeceuno en 1991 como vigués distinguido concedéndolle a Medalla da Cidade de Vigo no ano 1995. Dende o 2002 é o valedor do Cidadán do concello de Vigo.