Galicia

Este verán ir á Universidade será cousa de nenos

Duvi/ O fin do curso escolar é todo un motivo de celebración para os máis pequenos, desexosos de comezar as vacacións: piscina, praia, xogos baixo un espléndido sol e un bo número de amigos conforman a súa fórmula máxica para facer que o verán sexa inesquecible. Sen embargo, na outra cara da moeda, atopámonos con pais e nais que teñen que conciliar, agora máis que nunca, a súa vida familiar coa laboral para poder dar os seus fillos ese verán desexado. Avós e avoas, tíos e tías ou demais familia supoñen unha gran axuda, pero a Universidade pon sobre a mesa unha alternativa: o Campus Camp.
O Campus Camp é un programa de actividades que se levarán a cabo nos campus de Vigo e de Ourense a partir do 23 de xuño e ata o 9 de setembro, exceptuando o mes de agosto, e que ten como obxectivo o entretemento e coidado dos nenos de entre 3 e 12 anos durante a época estival. Nesta quinta edición disporá de 200 prazas para permitir que tanto os pais e nais como os seus fillos teñan o verán que merecen: mentres os nenos descargan toda a enerxía, adrenalina, ganas de aprender e nervios que lles sobran, pais e nais encárganse das súas tarefas profesionais na Universidade con total tranquilidade.

Dende a organización, conscientes de que a infancia é unha etapa moi relevante de cara a desenvolver as capacidades tanto persoais coma intelectuais na época adulta, fomentan actividades nas que aprenden valores que serán aplicables a súa vida cotiá: o traballo en grupo, o compañeirismo ou a convivencia, mentres que, á vez, aprenden a compartir, a potenciar as afeccións ou as relacións interpersoais nunha contorna distendida, levando as risas e a diversión por bandeira.

Para todos os gustos

Tenis, rugby, informática, cine, animación á lectura, artes plásticas ou a tan desexada piscina en días de calor, son só algunhas das actividades que acollerá o campus e das que gozarán os participantes da edición 2011. Ademais destas tarefas, os participantes poderán comprobar de primeira man como é unha institución como a Universidade dende outra perspectiva da que xeralmente a perciben, deixando de lado a concepción mais seria do termo e atopándolle o lado divertido ao coñecemento.

Para unha mellor organización, as actividades repártense en función das idades dos participantes e divídense en varias quendas de quince días, pero que non son excluíntes: un mesmo rapaz ou rapaza pode gozar das actividades durante todo o tempo que os seus proxenitores desexen, tendo en conta os períodos nos que se celebran as tarefas, prezos e prazos de inscrición.

También te puede interesar