Duvi/ O último informe da OCDE non é moi prometedor: só o 8% do estudantado universitario ten previsto lanzarse á aventura empresarial ao saír das aulas. Por iso, para impulsar medidas de mellora para a transición ao mercado laboral do alumnado, a Universidade de Vigo pon en marcha a primeira edición do Premio Espírito Emprendedor Universitario, un concurso de ideas empresariais dirixido a estudantes de primeiro e segundo ciclo ou grao que busca contribuír ao fomento da cultura innovadora e optimizar as accións de transferencia do coñecemento.
Froito dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Educación, o alumnado poderá participar entre o 15 de xuño e o 14 de xullo deste ano no certame presentando unha iniciativa que desenvolva proxectos emprendedores e creativos en calquera das ramas impartidas pola Universidade viguesa, dende as artes ata as enxeñarías. Deberán ser ideas orixinais feitas por unha soa persoa ou por grupos de ata 4 integrantes e nas que primarán o carácter innovador, a creación de emprego de calidade, a potencial internacionalización, o aproveitamento de recursos dispoñibles, a súa sustentabilidade, o nivel de implicación real dos emprendedores e a responsabilidade social do proxecto.
As dúas ideas gañadoras, que se darán a coñecer na segunda quincena de xullo, recibirán unha subvención valorada en 2.500 euros para a análise e o estudo de viabilidade dos proxectos, aínda que non se descartan conceder mencións honoríficas a outras propostas que se consideren de elevada calidade. E para mostra, nada mellor que un botón. Neste caso un dedicado ao I+D+i, con 50 traballadores e que sempre deu beneficios: Imatia. Fundada por dous profesores da Universidade de Vigo e catro bolseiros, un dos seus creadores, Fernando Vázquez Núñez, explicou que o éxito se consegue con esforzo, entendendo os ciclos de mercado, planificando para chegar no momento axeitado, colaborando para paliar deficiencias típicas como a falta de financiamento e diversificando.
“O caso de Google é como o de a quen lle toca a lotería, ser empresario require esforzo. Os seres humanos teñen unha aversión natural ao risco, pero forma parte da vida. Emprender implica riscos, pero traballar para outro tamén, porque podes verte na rúa con 45 anos, unha familia e unha hipoteca. As multinacionais dan unha falsa sensación de seguridade, pero ser empregado hoxe é máis arriscado que montar unha empresa”, desvelou Vázquez, animando aos asistentes a crear un proxecto propio.