Duvi/ A cima de África, o monte Kilimanjaro, é unha das zonas do mundo nas que cambio climático se fai máis evidente. Nos últimos 20 anos perdeu boa parte dos glaciares que o coroaban evidenciando o deterioro que está a sufrir “este impresionante ecosistema”, tal e como o define o profesor Luis Navarro, tras baixar da súa cima. O investigador responsable do proxecto Divulgare atópase aínda en Tanzania realizando un traballo de investigación sobre as interaccións mutualistas entre plantas e animais e asiste ao Congreso Internacional da Asociación para a Bioloxía Tropical e Conservación, no que se afonda sobre a adaptación dos ecosistemas tropicais ao cambio climático. De aí á cima do Kilimanjaro tan só o separaron 5.895 metros e sete días de esforzo.
Como explica o profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal, “aproveitando a estancia en Tanzania xurdiu como un reto subir ao teito de África”. Este monte é nestes momentos unha das áreas más afectadas polo cambio climático, polo que a idea da viaxe, “ademais dun pequeno reto persoal, era poder tomar evidencias deste deterioro que está a sufrir este ecosistema e intentar transmitir o problema á sociedade”, apunta Navarro. Este espírito divulgador foi o motor que puxo en marcha o proxecto Divulgare, un equipo de traballo xurdido no seo do Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas, co fin de achegar os contidos científicos ao público en xeral, creando materiais entendibles e accesibles, pero tamén atractivos para todo tipo de persoas e colectivos. Por iso, nos vindeiros meses co material e a información recollida en África “trataremos de preparar algún material divulgativo para explicar dun xeito gráfico á sociedade algúns dos problemas e evidencias que xa temos enfronte, relacionados co cambio climático”.
Tras sete días de dura ascensión, o esforzo pagou a pena. O teito de África baixo os pés e un horizonte infinito a vista de paxaro, a 5.895 metros de altura. Navarro relata a subida destacando que foi “algo máis dura do que agardábamos e os dous últimos días foron realmente esgotadores”. O principal problema foi a falta de oxíxeno, sobre todo a partir dos 3.500 metros e, “aínda que non sufrimos ningún percance, agora entendemos un pouco mellor os accidentes de montaña que se producen despois de coroar as cimas”.