A delegada territorial da Xunta en Vigo mantivo este martes un primeiro encontro institucional co novo alcalde de Redondela logo da constitución da nova Corporación no que Lucía Molares e Javier Bas repasaron os proxectos pendentes do concello. A delegada reiteroulle ao novo alcalde que neste ano 2011 a Consellería de Traballo e Benestar destinou xa un total de 550.000 € a políticas activas de emprego que beneficiarán a unhas 70 persoas que nestes momentos se atopan en paro. E neste senso, recordoulle que o Concello de Redondela recibiu nos últimos anos 2009 e 2010 máis de 1 millón de euros por este mesmo concepto co obxectivo de ofrecerlle formación e emprego a máis de 150 persoas desempregadas.
Centro de Día Residencial de Cesantes
Tras o encontro na Casa do Concello, Molares e Bas trasladáronse ata as obras do Centro de Día Residencial de Cesantes, que a Consellería de Traballo e Benestar está a executar por un importe total que case chega aos 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de 20 meses polo que, según as previsións actuais, os traballos poderían estar rematados antes de que comece o vindeiro ano.
A nova infraestrutura para dependentes terá capacidade para un total de 51 persoas, contando con 30 prazas para o centro de día ademais de dispor tamén de 21 prazas residenciais. O edificio conta cunha superficie construída total de 1.527,57 metros cadrados que se desenvolve en tres andares: planta de soto, baixa e planta alta.
Segundo a súa distribución, a planta de soto destinarase a vestiario de persoal, almacén e sala de caldeiras. Na planta baixa levarase a cabo a labor do centro de día, cuxa distribución contará cunha área administrativa e unha área de actividades cunha sala polivalente, sala de actividades, comedor de 70m2, sala de rehabilitación, de curas e unha pequena zona de despachos e aseos ademais de ter os espazos auxiliares de cociña, lavandería, almacéns. Por último, a planta alta será para a área residencial, que contará con 14 habitacións , 7 dobres e 7 individuais, todas elas con baños adaptados; control de enfermería, comedor-sala de estar, baños xerais, baño xeriátrico, oficios e cuarto de limpeza.