Duvi/ A pesar da situación de crise económica e, en boa medida, grazas ao Plan de Sustentabilidade, a Universidade de Vigo atópase nunha situación moi próxima ao equilibrio entre ingresos e gastos e a previsión é acadar unha situación en positivo no 2012, grazas á captación de recursos e á conxelación do orzamento da Xunta de Galicia. O plan de austeridade tivo o seu primeiro axuste no orzamento de 2011 e permitiu conter e recortar o gasto en 20 millóns de euros e reducir o seu déficit técnico contable a 5 millóns de euros. Cos axustes que quedan por facer, “esperamos estar en positivo en 2012 e sobre todo en 2013”, explicaba Salustiano Mato, reitor.
Aínda máis importante que a austeridade é a captación de recursos propios nun escenario onde as achegas da administración autonómica representan só o 65% do orzamento total. Europa é un caladoiro prioritario para a Universidade na busca e financiamento, de igual xeito que o son os proxectos e contratos de investigación e a colaboración coas empresas e organismos da contorna na procura conxunta de sinerxías e recursos. Un dos principais motores na captación de recursos cos que conta a Universidade de Vigo é o Campus do Mar, que xunto co Plan de Sustentabilidade, foron os dous elementos máis significativos deste curso que remata, segundo indicou o reitor, que captou 9 millóns de euros e a previsión é moi positiva. Salustiano Mato falou dunhas expectativas de arredor de 10 millóns máis “se se concretan as necesidades, sobre todo de infraestruturas”.