Galicia

Máis de 4.000 prazas para discapacitados en 2010

Galicia contará cun total de 4.171 prazas para galegos con discapacidade o vindeiro ano. Así o confirmou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a celebración do trixésimo aniversario da Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Fademga) celebrado en Santiago, no que a titular destacou o aumento de 7 millóns que aprobou a Xunta para este fin, un 20,6% máis que este ano.

Con este presuposto crearanse en Galicia máis centros de día ocupacionais e residenciais, o que suporá un aumento do 8,6% sobre as prazas existentes, co que haberá 336 novas prazas para 2010.

Por outro lado, o Goberno galego porá  en marcha o I Plan Integral para Persoas con Discapacidade, unha ferramenta para unir todas as políticas vencelladas á discapacidade, que estará ao servizo da mellora da coordinación entre os organismos e administracións implicados na mellora da calidade de vida deste colectivo, desde os servizos sociais, a saúde, a educación e as melloras familiares.

E levarase a cabo tamén un Plan Especial de Emprego para Persoas con Discapacidade ou en risco de exclusión, que formará parte do Plan Autonómico de Emprego 2010-2013.

También te puede interesar