Comarcas

Nace en Redondela unha rede de troco de saberes

Segundo os seus promotores, Redetroco é unha iniciativa que se basea no “convencemento de que todas as persoas somos donas dun saber que pode resultar interesante para os demais, e que o podemos transmitir doadamente. Na rede de intercambio de coñecementos a moeda é o saber. Non se trata, polo tanto, dun intercambio monetario, senón dun troco de tempo e intereses, sendo todos valorados por igual, dende unhas clases de cociña ata unhas leccións de informática.

A rede de intercambio de saberes está aberta a quen queira participar de xeito voluntario e de balde. O obxectivo é tecer unha rede social e cultural que acolla a diferentes persoas de Redondela e a súa contorna, converténdose nun proxecto interxeracional e intercultural, que integre a xentes de distintas idades e procedencias.

A dinámica para participar é sinxela. Cada persoa ten que ofrecer, cando menos, unha actividade ou saber.

Esta actividade pode ser de diversa natureza: dende clases de piano ata paseos en bici pasando por leccións de informática, idiomas ou práctica dalgún deporte. Unha vez proposta a oferta, menciónanse as demandas, o que a un lle gustaría facer ou aprender. Cada unha das ofertas e demandas envíanse ao enderezo electrónico  [email protected] e, unha vez ordenadas, son reenviadas a todas as persoas participantes.

O troco de saberes funciona de forma autónoma, “de tal forma que unha persoa interesada nalgunha oferta da Rede ponse en contacto co ofertante e, de forma conxunta, acordan horarios, frecuencia e contidos a desenvolver na actividade”. Cada dous meses, as ofertas e demandas renóvanse e, por medio do correo electrónico, reenvíanse a todas as persoas pertencentes á rede.

O primeiro boletín de ofertas e demandas enviarase o 1 de outubro, “ata entón, hai tempo para que a xente se apunte”. Polo de agora, “Redetroco” ten máis de 50 ofertas de saberes e faceres. Estas van desde o adestramento de cans, procura de voos baratos por internet, recollida de cogomelos, clases de inglés oral, patinaxe, informática ou conversas sobre cinema. As ofertas son tan variadas como as persoas que compoñen a rede.

A Rede de Troco de Saberes pretende crear un “espazo libre de intercambio monetario”; recuperar o valor da transmisión oral do coñecemento; “ofrecer a posibilidade ás persoas para mostraren as súas valías; e fomentar o contacto horizontal”.


 

También te puede interesar