Comarcas

O Concello de Salceda realiza melloras nos colexios

O Concello de Salceda de Caselas, ao traverso da Concellaría de Ensino que dirixe Tere Pérez realizou importantes obras de mellora nos centros escolares do municipio. Así, no CRA Raíña Aragonta foron varias as obras realizadas como reparación de paredes e pintado nas aulas de San Xurxo, Soutelo e Budiño, que estaban en moi mal estado, o que supuxo unha importante reforma nas mesmas. No caso de Budiño colocáronse tamén paneis de corcho ao longo de toda a aula, facilitando o traballo de colgado dos diferentes traballos realizados polo alumnado. Así mesmo, nesta aula procedeuse á reparación da rampa e as escaleiras de acceso, espazos empregados ademáis de cómo zona de paso tamén como zona de ocio e recreo polos nenos e nenas. Ademáis rematouse e acondicionouse o patio exterior do colexio de Revolta, obra que quedara pendente da lexislatura anterior.

Por outra banda, nesta semana estase a colocar caucho nos patios cubertos de Soutelo e Budiño, obra que se realiza aproveitando as xornadas de folga do profesorado, polo que non supón molestia no día a día dos colexios.

No caso da escola de Fontán, e en resposta ás declaracións do PP en que se acusa ao goberno de non ter realizado as obras no verán, a Concelleira de Ensino fai a seguinte aclaración: o que inicialmente iba ser unha obra de pintado, polo mal estado das paredes supuxo unha obra maior na que prácticamente habería que reconstruílas. Colocáronse paneis de corcho na parte inferior das paredes, que era a parte que presentaba un peor estado, e decidiuse deixar a reparación do resto das paredes para as vacacións de Nadal, estando a aula preparada para recibir aos alumnos o primeiro día de curso escolar. Foi a propia mestra e o equipo directivo os que solicitaron que a obra se levase a cabo durante o curso escolar, polo que eles mesmos reubicaron aos alumnos na aula anexa. As obras estanse a levar a cabo en total coordinación co profesorado, sen causar ningún tipo de molestia nen entorpecer o normal desenrolo das clases, e quedarán rematadas esta mesma semana.

Tere Pérez, Concelleira de Ensino, destacou a posta a punto dos colexios como prioridade absoluta na súa área, traballando en todo momento en constante diálogo e cooperación tanto cos mestres como coa propia dirección dos centros, evitando calquera molestia que as obras pudiesen causar no curso escolar.

 

También te puede interesar