Cultura Vigo al minuto

San Teleco móllase por dentro e por fóra

San Teleco, cheo. Fotos: Duvi
San Teleco, cheo. Fotos: Duvi

Duvi/ A mal tempo, boa cara. E bo viño, bo churrasco, bo polbo á feira… A tradicional romaría de San Teleco, coa que o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación festexa o seu patrón, sobreviviu á alerta laranxa por temporal de vento e choiva e conseguiu congregar a un bo número de universitarios con gañas de divertirse e de encher o bandullo con bos manxares. O Mago Román foi este ano o encargado de dar o pistoletazo de saída cun pregón no que fixo un particular percorrido pola historia das telecomunicacións, dende “os gruñidos dos primeiros homínidos” ata os sinais de fume dos indios, abandonados “porque creaba malentendidos xa que as palabras as levaba o vento”. “A pesar dos avances estamos volvendo ás orixes, só hai que botar unha ollada aos sms do móbil: comezamos quitando as vocais, logo as consonantes, despois chegaron os ’emoticonos’ para aforrar palabras… Dentro de pouco van por unha tecla para os sinais de fume e outra para os gruñidos e volveremos ao principio dos tempos”, bromeou o mago.

Tralo grito “de guerra” de “¡Viva San Teleco!”, os alumnos da Escola descubriron ao novo Meco, unha versión personalizada do robot R2D2 de Star Wars que arroupado polos seus fregueses saíu en procesión ata a carpa na que se celebraba unha romaría afastada da imaxe de concentración para consumir alcol que arrastraba nos últimos anos. Antes, unha oración polas almas dos ‘telecos’ chea de pregarias para ter “hoxe un bo día. Perdóanos as nosas ofensas como tamén nós perdoamos os teus exames, non nos deixes caer nas letras e líbranos de Industriais. Amén”.

Unha semana de ‘carnicerías’ e solidariedade

A celebración de San Teleco 2011 arrincou xa a semana pasada cos tradicionais campionatos deportivos de fútbol 7, fútbol sala, baloncesto e tenis de mesa, ademais dos torneos de videoxogos (FIFA 2011, Counter Strike, League of Legends, PES 2011, Mario Kart Wii e Super Smash Bros. Brawl) e de cartas. E, como non, coas verdadeiras ‘carnicerías’, nas que alumnado e docentes enfróntase xogando ao fútbol sala, ao baloncesto ou ao Trivial.

Un ano máis, o alumnado da Universidade de Vigo amosou a súa solidariedade. En total, 172 persoas foron a doar sangue ao autobús que o Centro de Transfusión de Galicia colocou diante das portas da EE de Telecomunicación durante os dous últimos días. De alí, ademais de cun litro de sangue menos, os doantes saían cunha camisola co logo de San Teleco 2011.

You may also like