Máis de 360 veciños de Mondariz poderán acceder á Internet de calidade nos próximos días, tralo despregamento neste concello da tecnoloxía UMTS-3G por parte de Telefónica, dentro do Plan de Banda Larga da Xunta.
O núcleo de poboación beneficiado nesta primeira fase do despregue é o de Vilasobroso, que poderá navegar pola Rede a velocidades de 7 megas. Será unha oferta de completo Hogar Dixital, pois Telefónica subministrará unha base wifi á que se poden conectar vías inalámbrica distintos dispositivos como o ordenador, o móbil ou a tableta.
A tecnoloxía empregada por Telefónica é a UTMS-3G na banda de 900 Mhz., con grande capacidade de propagación en zonas rurais orográficamente complexas. Deste xeito, ademais de poder contratar o acceso á Rede, no entorno das devanditos núcleos de poboación mellorará sensiblemente, ou activarase por vez primeira, a cobertura de datos en mobilidade.
O despregamento en Mondariz forma parte das actuacións do Plan de Banda Larga para dotar de cobertura a todos os galegos en 2013. Esta acción, adxudicada a Telefónica en setembro pasado, ten como obxectivo facilitar o acceso á Rede de 11.300 novos núcleos de poboación galegos ubicados en zonas de Galicia de especial complexidade orográfica, e nos que viven 250.000 persoas. En Mondariz, a execución deste plan continuará noutros núcleos de poboación –dos que se dará cumprida información- ao longo dos vindeiros meses.
A día de hoxe, e tras a posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa en torno a 322.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á Rede chegue ao 87,30% fronte ao 70% existente en 2009.
A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.