O comité de empresa de Povisa critcou hoxe a actitude dos responsábeis do Sergas despois de que se negaran a recibir á repesentación dos traballadores que se desprazou este mércores a Santiago de Compostela. Os representantes sindicales denuncian que os fixeron agardar máis de dúas horas para despois dicirlles que non os ían recibir porque “non é cousa deles xa que entenden que se trata de problemas internos do centro médico”. Dende a sección sindical da CIG lembráronlles que existe un acordo do 2006 polo que o Sergas se compromete a garantir mantemento de todo o cadro de persoal de Povisa. “Contestáronnos que eles pagan o concerto rigurosamente e que o que faga o hospital cos cartos non é cousa deles”.
Dende o comité de empresa consideran unha falta de respecto a negativa a recibilos e anuncian que incluirán ao Sergas nas vindeiras mobilizacións que se convoquen contra a decisión da dirección de Povisa de despedir a 27 traballadores do servizo de limpeza do centro. Finalmente, lembraron que esta mesma tarde celebrarán unha nova asemblea e para mañá está organizada unha manifestación en Vigo que sairá de Vía Norte ás 20.00 horas e rematará no edificio da Xunta.