Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana un total de 112 persoas debido a 80 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do venres, 2 de decembro, ata as 23:59 horas do domingo, 4 de decembro. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado e o domingo con 34 accidentes cada día.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 98 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 80 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 112 persoas.
A proporción de homes atendidos foi do 63% e o da mulleres do 37%. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 39% dos atendidos tiña entre os 20 e os 29 anos. Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 34 sinistros de tráfico, seguida de A Coruña, con 29, Ourense con 11 e Lugo, con 6, durante os desprazamentos destas datas. En 93 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e en seis ocasións ao centro de saúde ou Punto de Atención Continuada de Atención Primaria, mentres que 10 persoas lesionadas foron atendidas no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e tres faleceron no lugar do sinistro.