Tal e como acordara a última asamblea xeral da federación, celebrada días atrás, a Comisión Permanente da FAVEC entregou na mañá deste martes,vía rexistro municipal, a solicitude formal para intervir no vindeiro Pleno do Concello.
A mesma está fundamentada na “reiterada desatención por parte do Goberno Municipal das peticións de xuntanza realizadas pola Federación Veciñal, e polo incumprimento do mandato plenario para que se proceda a asinar un convenio de colaboración anual entre Concello e FAVEC”, segundo indicaron os responsables da mesma.
“Pedimos a palabra no pleno para dar conta diante do máximo organismo político e institucional da cidade da grave situación que está a provocar o goberno municipal coa súa agresiva campaña contra o movemento veciñal” explicaron ao tempo que cualificaron de “grave vulneración democrática” a negativa a recibir aos representantes da Federación Veciñal e o incumprimento de recentes acordos plenarios.
O obxecto da intervención no Pleno será, segundo din, “desmontar as reiteradas falsidades verquidas por parte do Alcalde e algúns dos seus concelleiros” como que a FAVEC recibiu este ano 90.000€, o cal foi desmentida pola propia federación, ou a acusación de que se piden cartos para “papatorias veciñais”. Así mesmo pretenden facer presión para obrigar ao Goberno Municipal a rectificar e que desista da súa intención de afogar economicamente a Federación.