Tres artistas, un esceario único e unha homenaxe ás mulleres pioneiras no campo da música, como a francesa Françoise Hardy. Con esta idea celebrarase mañá 21 de novembro no Centro Cultural Caixanova (22:30 horas) o festival Voces Femininas, que contará coa actuación da canadiense Basia Bulat, a americana Dawn Landes e a sueca Hello Saferide.
Todo para proporcionar un espazo no que dar a coñecer o gran talento das cantautoras, un lugar no que “mostrarse ás mulleres creativas”, e que nesta ocasión reúne a tres mulleres novas procedentes de distintos lugares do mundo. Para que a noite sexa redonda, nas principais salas de Vigo soamente se pinchará música interpretada por voces femininas.
As súas carreiras
A cantante e compositora canadiense Basia Bulat publicou no 2007 o seu primeiro traballo, “Oh my darling”, no que amosaba a súa portentosa voz. A crítica destaca a maxia das súas actuacións en directo, así como a capacidade para conectar co público. En xaneiro do 2010 está prevista a edición do seu segundo disco “Heart of my own”.
Dawn Landes, pola súa banda, deuse a coñecer no 2002 co álbum “Dawn’s Music”, integrado por temas dun folk imaxinativo co que chamou a atención da crítica e o público. Ten traballado como enxeñeira de son ás ordes de Philip Glass e actuado por todo o mundo acompañada de artistas como Tindersticks, Hem, Elvis Perkins ou Swell Season. Neste ano 2009 acaba de publicar o seu terceiro disco, “Sweet Heart Rodeo”.
Hello Saferide é o proxecto persoal de Annika Norlin, unha das artistas que con máis talento e forza teñen irrumpido no panorama musical sueco dos últimos anos. Ten acadado tanto o recoñecemento da crítica internacional como do público, e no 2008 publicou o seu segundo traballo ”More modern short stories from Hello Saferide”.