Galicia

Non corras, non bebas, pon o cinto e se tes un accidente fai isto que di o 061

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, reitera o seu chamamento tanto aos condutores e condutoras como aos e ás peóns á precaución nas estradas durante o vindeiro fin de semana, por tratarse do último do ano. Nesta ocasión a celebración do fin de ano coincide en fin de semana, o que pode supoñer un incremento durante o sábado e domingo no número de desprazamentos por estrada.

Ante esta previsión dun maior número de desprazamentos, o 061 recomenda aumentar as medidas de prevención e lembra a conveniencia de empregar os sistemas de seguridade activa, como os cintos, o casco ou as cadeiras infantís. A ausencia destes elementos fai que as lesións sexan moito máis graves en caso de accidente.

A velocidade é outro dos factores que intervén nun accidente. É importante que os condutores se manteñan en condicións óptimas ante os problemas de tráfico que podan coincidir nestas datas, tales como mal tempo ou tráfico denso.

O 061-Galicia recomenda ademais evitar o consumo de alcohol nos condutores e condutoras, e lembra que os efectos do mesmo non só incrementa o risco de sufrir accidentes, senón que en caso de ter un dificulta as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir o alcohol cos fármacos subministrados.

Tamén e importante lembrar aos peóns a importancia de facerse ver se circulan ou cruzan por estradas. Preto dun 10% das vítimas dos accidentes de tráfico son peóns e as súas lesións adoitan ser moi graves pola fraxilidade do corpo ante os vehículos en movemento.

O ano pasado 2010 o final de ano coincidiu en venres entre os días 31 de decembro e o domingo 2 de xaneiro de 2011 atendéronse 48 accidentes e houbo que atender 75 vítimas entre as que houbo que lamentar dous falecementos.

Normas de actuación ante un accidente

Unha vez se ten producido un accidente é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas. É importante non intervir se non se sabe cómo; e sempre avisar canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, marcando o 061.

O que se debe facer antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, é aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberase poñer roupa reflectante ou rechamante, pero nunca escura. Así mesmo, sinalizarase o accidente 200 metros antes e despois do lugar no que ocorreu.

Outra das medidas a realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros.

Así mesmo, a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, seguindo as indicacións orientativas transmitidas polo persoal do 061-Galicia ata a chegada dos recursos especializados. Na chamada ao 061 canto máis datos se lle dean máis se axudará a este organismo na súa tarefa.

É necesario facilitar o emprazamento exacto e correcto do lugar do accidente e o estado dos feridos para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios dependendo da gravidade do suceso.

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender aos accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, xa que de nada serviría aumentar o número de vítimas. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

Unha vez valorada a situación do accidente e informado o 061-Galicia, hai algunhas cousas que se poden facer para axudar no sinistro, sempre baixo a supervisión do profesional médico de Urxencias Sanitarias que en cada momento indicará cómo actuar. Deberase actuar sempre mantendo as medidas de seguridade e de autoprotección para evitar novos accidentes.

É importante lembrar que o 061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas pódense salvar se son tratadas dun modo axeitado.


 

 

También te puede interesar