Con ‘Darwin. Navegando no Beagle’, o Museo do Mar de Galicia inaugurou a exposición máis ambiciosa da súa historia, unha mostra que conmemora o 150 Aniversario da publicación do libro ‘A orixe das especies’ , o libro do científico británico Charles Darwin que continúa a ser una referencia no mundo da bioloxía, da navegación e mesmo da filosofía e da relixión.
Darwin… foi presentada hoxe polo director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera, quen nesta ocasión compareceu tamén en calidade de comisario deste proxecto de producción propia que contén elementos únicos e inéditos, como unha reproducción de nove metros de eslora do Beagle –o barco no que Darwin navegou arredor do mundo- , ou do camarote do científico –neste caso a escala real-.
Ademáis, Darwin. Navegando no Beagle inclúe unha longa serie de elementos multimedia e máis de 60 pezas relacionadas co traballo do Beagle e co contexto histórico e científico da época. Entre elas, un barómetro Fitzroy procedente do Reino Unido, un microscopio do século XIX, o teodolito –instrumento de medición topográfica- de Domingo Fontán –autor da Carta Xeométrica de Galicia- e una ampla colección de animais disecados, reproduccións de láminas orixinais do Beagle e edicións facsímiles.