Duvi/ 60 estudantes, 32 docentes e oito grupos de investigación fixeron posible que a de Vigo sexa a primeira universidade europea en enviar ao espazo un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. O XaTcobeo despegará o vindeiro 13 de febreiro, catro días máis tarde do previsto por decisión da ESA, a bordo da lanzadeira Vega dende a Güiana Francesa e marcará un fito para a institución académica viguesa. Co picosatélite xa ensamblado na cabeza do foguete, o reitor, Salustiano Mato, cualifica o proxecto como “un rotundo éxito, o final dun camiño” que abre novas portas tanto á propia Universidade como ao tecido empresarial vigués e galego.
O XaTcobeo é resultado do esforzo conxunto da Universidade, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial e a ESA e unha boa mostra de traballo colaborativo, de harmonización de docencia e investigación que permitiu “emerxer unha nova liña estratéxica para a institución, a enxeñaría aeroespacial”, apuntaba Mato no acto informativo previo ao lanzamento. O coordinador do proxecto, Fernando Aguado, amosouse satisfeito nesta recta final do proceso porque “o verdadeiro éxito é ter chegado ata aquí, ter desenvolto un picosatélite cumprindo coas esixencia da ESA”.
Un grande éxito concentrado en 900 gramos
Ser quen de desenvolver un picosatélite segundo os estándares da ESA non é o único éxito acadado polo alumnado e profesorado que desde o ano 2008 traballa no XaTcobeo. A este fito cómpre sumar o recoñecemento outorgado pola ESA coa decisión de localizar o CubeSat da Universidade de Vigo ao inicio dun dos adaptadores de lanzamento, os coñecidos como P-PODs, que albergan as cargas útiles educativas no voo de certificación do novo lanzador europeo Vega. “É para nós un privilexio e un recoñecemento saír primeiros”, asegura Fernando Aguado en referencia á decisión da Axencia Espacial Europea de outorgar ao XaTcobeo o lugar máis destacado á hora de ser lanzado ao espazo.
Aguado que comezou a súa intervención agradecendo os apoios acadados polo proxecto lembrou o carácter de demostrador tecnolóxico que ten o picosatélite con dúas cargas útiles: unha radio software reconfigurable (SRAD) e un medidor de radiación (RDS), ao que se engade un mecanismo experimental de despregue de paneis solares. Entre as dificultades que o XaTcobeo debe enfrontar unha vez fóra da lanzadeira, Aguado destacou as propias da órbita na que será inxectado e que “demanda solucións tecnolóxicas moi novidosas”, así como as derivadas dun período de actividade solar moi elevado como o que se está rexistrar na actualidade.
Tras lembrar as numerosas probas ás que o picosatélite foi sometido, primeiro no INTA, logo no ESTEC en Holanda e por último na Güiana, o investigador principal do proxecto, explicou que transcorrerán como mínimo dúas semanas despois do lanzamento ao espazo para confirmar que XaTcobeo funciona correctamente. “A identificación do satélite depende dos parámetros orbitais que nos dea Vega”, sinalou Aguado ao tempo que lembrou que o vigués estará inmerso nunha nube de CubeSat conformada por todos os satélites educativos que participan no voo inaugural de Vega.
Punto de partida para unha futura industria aeroespacial galega
O reitor da Universidade fixo especial fincapé nas vantaxes deste proxecto tanto para o estudantado implicado que se achega á industria como para a propia industria. “O proxecto gañou a confianza de ESA e INTA e permitiunos crear un agrupamento estratéxico de enxeñaría aeroespacial que se converte nunha das cinco liñas preferentes da institución”. Pero este fito para a Universidade pode converterse nun punto de partida para diversificar o tecido empresarial galego ao que se lle abre unha nova vía na que seguir traballando nutríndose da transferencia de coñecemento que xeran os grupos de investigación. “Queremos ser unha fábrica de ideas e solucións”, apuntaba Mato e establecer coa industria “alianzas estratéxicas” que permitan mudar o mapa produtivo de Vigo e de Galicia.
Neste sentido incidiu José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia e un dos investigadores principais do proxecto, que subliñou que non só se trata de ser a primeira universidade europea cun CubeSat en órbita, senón que o XaTcobeo “foi deseñado, fabricado e ensaiado integramente en Galicia”. Isto permitiu á Universidade desenvolver novas infraestruturas de gran importancia como unha cámara limpa, un sistema de medición de radiación solar ou unha cámara de termo-baleiro.
En órbita a bordo da nova lanzadeira Vega
O XaTcobeo será o primeiro dos sete CubeSats en saír ao espazo no voo inaugural de Vega. A lanzadeira ten o respaldo dos 40 anos de experiencia da ESA, unha axencia con 19 países socios, 2200 enxeñeiros e un orzamento de 4000 millóns de euros anuais, dotación que non diminuíu pese á crise “grazas ao factor multiplicativo da inversión que se fai no sector” en campos como as telecomunicación ou a navegación por satélite. Así o indicou Javier Ventura-Traveset, director da Oficina de Comunicación da ESA, que explicou que Vega vén a “completar a familia de lanzadeiras da axencia e está deseñada para satélites máis pequenos e órbitas máis baixas”.