A última hora da tarde deste venres celebrouse o encontro cos ex-presidentes da Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC). Á xuntanza, convocada pola Comisión Permanente, asistiron Amador Fernández, Xosé Lois Gutierrez Pais, Xosé Sánchez, Fernando Seixo e Elena González. A primeira conclusión do encontro é a da plena coincidencia entre a dirección e os ex-presidentes a respecto da diagnose. Houbo completa concordancia á hora de valorar de que o que sucede é unha “campaña de agresión política contra o movemento veciñal”. Nese senso, entenden que o ataque á Federación Veciñal é só un medio xa que o fin non é outro que “tentar someter ao movemento veciñal aos ditados do goberno municipal e do grupo político que o sustenta”.
Existiu tamén coincidencia ao sinalar como “causa” desta vaga de ataques contra o movemento asociativo veciñal o feito de que desde a Federación Veciñal non se cedese ás presións exercidas polo goberno municipal para socavar a súa independencia. “Golpean ao movemento veciñal, mediante a descualificación e o intento de afogo económico, porque nos mantivemos firmes na nosa independencia” afirmaron.
A segunda conclusión da xuntanza foi a de que fronte esta situación, que cualificaron como “unha das maiores agresións da historia”, é necesario dar unha resposta conxunta por parte de todo o movemento veciñal desde a unidade.
Tras recoller diferentes propostas e ideas, formuladas por algúns dos ex-presidentes, a Comisión Permanente anunciou que convocará unha Asemblea Xeral Extraordinaria coas 36 asociacións federadas, previsibelmente a semana próxima, na que proporán o inicio dunha campaña reivindicativa e de denuncia para forzar unha rectificación completa por parte do goberno municipal.
A campaña desenvolverase nos barrios e parroquias co obxecto de explicar socialmente que “o Alcalde golpea ao movemento veciñal porque non nos pregamos e por debernos só á defensa dos intereses da veciñanza, dos barrios e das parroquias” e procurar o maior apoio social.