Así o denuncia o BNG logo de que a Xunta asegurase que non o pode facer xa que “as autoridades portuarias dependen de Fomento” e o porto de Vigo xa conta con catro peiraos de reparación naval. Así o asegurou o presidente de Portos de Galicia, Durán Hermida, na comisión de Industria, este mércores, no Parlamento de Galicia
Pola súa banda o deputado nacioalista Henrique Vieitez defendeu a necesidade de potenciar o sector naval coa habilitación das infraestruturas necesarias para este fin e dentro do consello da Autoridade Portuaria de Vigo, dixo, que o Goberno galego conta con seis representantes polo tanto, “é responsabilidade do Goberno dar resposta ás demandas do sector”.
Viéitez lembrou que o último espazo de usos portuarios aínda non foi aprobado e inclúe a reserva de 150.000 metros cadrados en Bouzas para a reparación naval e reiterou que o BNG non reclama a construción dun novo peirao senón unha habilitación da liña de atraque do borde do litoral dependente da Autoridade portuaria para que unha parte sexa dedicada a esta función.
O nacionalista afirmou que esta é unha demanda do sector naval e xa foi presentada como alegación no espazo de usos portuarios para a reparación en Bouzas e denunciou que o espazo de maior calado neste lugar permaneza ocupado pero sen actividade algunha.
Finalmente, o deputado do BNG pediu que o Goberno galego, a través dos seus representantes no Consello de Administración realicen xestións ante o resto das entidades para habilitar este centro de reparación por que senón, salientou ,a tendencia das diferentes presidencias da Autoridade portuaria é converter o espazo en “centros comerciais”.