Galicia

Galicia atravesa un “episodio de seca” logo das escasas precipitacións dos últimos 12 meses

Galicia atópase inmersa nun episodio de seca que comezou coa extraordinaria escaseza de precipitacións en primavera e inicio do verán de 2011. Segundo consta nos datos de MeteoGalicia, a situación mellorou de forma transitoria polas chuvias de outubro e novembro. Sen embargo, as escasas precipitacións dos meses de decembro de 2011 e xaneiro de 2012, que adoitan ser os máis chuviosos do ano, fan que nos atopemos nun episodio de seca que xa comeza a notarse de forma acusada cando considéranse valores de chuvia acumulados en 12 ou 24 meses respecto aos valores climáticos. Ademais, no que levamos do mes de febreiro, as precipitacións non foron abundantes e as previsións parecen indicar que resulte un mes seco.

Segundo ano máis seco do último medio século

2011 é o segundo ano máis seco na historia da serie rexional considerada, cunha anomalía un 32% inferior al valor normal. Ademais os catro anos máis secos desta serie acadáronse no que vai do século XXI, sendo o 2007 o máis seco do último medio século.

O Índice de Precipitación Estandarizada (SPI) reflicte o grao de seca dun territorio e permite fixar o comezo e fin dun episodio de seca, así como a súa intensidade. O SPI calculado a partires dos datos de chuvia acumulados en 12 meses confirma que Galicia está nun episodio de seca dende mediados do ano 2011 como consecuencia da escaseza de precipitacións na primavera. A seca afondouse dende o mes de novembro, e xa o valor do SPI-12 do mes de xaneiro indica que estamos nun episodio extremadamente seco. Isto é así para toda Galicia sendo menos acusado na provincia de Ourense e máis acusado na provincia de A Coruña.

Previsións para primavera

Os modelos de predición estacional, tanto da axencia estadounidense (NOAA) así como a MetOffice británica, indican unha maior probabilidade de que as precipitacións en primavera sexan normais o por debaixo do normal, aínda que dende MeteoGalicia avisan de que hai que ter en conta que este tipo de predicións han de ser tomadas con reserva.

 

También te puede interesar