Un total de 7 helicópteros e 4 avións da Xunta iniciaron esta semana o seu traballo de cara á campaña de loita contra o lume forestal. Comprobouno este sábado a Conselleira do Medio Rural e do Mar nunha visita que fixo á base de helicópteros do Campiño, en Pontevedra. Estes medios aéreos veranse reforzados o vindeiro 1 de marzo cun helicóptero e un avión do Estado. Rosa Quintana comprobou os programas de prevención e extinción de incendios postos en marcha así como a incorporación dos medios humanos e materiais á prevención activa dos lumes.
Dende a consellería lémbrase a necesidade de atender á prevención activa dos lumes a través de medidas conxuntas entre as administracións, reforzando o apoio á comunidades de montes ou a ordenación da gandería.
Base do Campiño
As instalacións están situadas na zona central da provincia de Pontevedra. Este feito confírelle unha posición estratéxica, tanto para atender lumes en calquera punto da provincia como para servir de centro de formación e divulgación. A base ocupa unha parcela de aproximadamente 1,2 hectáreas. Esta superficie divídese en 3 chanzos, na parte superior está a plataforma para a aterraxe dos helicópteros, no segundo nivel atópanse as oficinas coa emisora e no derradeiro as instalacións para o persoal, o campo de adestramento e o aparcamento.
O persoal que forma esta unidade está composto por un axente forestal, un capataz forestal, 9 brigadistas, 2 pilotos e un mecánico do helicóptero.