Galicia

Novo sistema en 3D para mellorar a explotación dos xacementos mineiros

Duvi/ Un dos labores máis complexos e con maior risco económico nun xacemento mineiro é tamén un dos datos máis importantes para os empresarios: a estimación de reservas. A avaliación faise a partir dunha mostra moi pequena, o que dificulta a tarefa de xeólogos e enxeñeiros: se sobreestiman a cantidade de material existente a empresa pode comezar uns traballos pouco beneficiosos, mentres que se se quedan cortos poden decidir abandonar un proxecto que era rendible. Para afinar a puntería e “facilitar aos técnicos a organización dos traballos de explotación”, o enxeñeiro de Minas Eduardo Giráldez deseñou na súa tese de doutoramento un modelo tridimensional composto de celas cúbicas unitarias e baseado en técnicas avanzadas de krigeado que permite facer unha estimación máis realista da calidade comercial do granito que os métodos convencionais. Esta nova metodoloxía probouse nun dos xacementos máis importantes en Galicia, no batolito da concesión de explotación Benedicta, en O Porriño.

Un xacemento con catro calidades

A partir da aplicación de técnicas xeoestatísticas como o krigeado difuso e o composicional, Giráldez ideou un modelo en 3D do xacemento no que se tiveron en conta “criterios xeolóxicos, comerciais e estatísticos” e que permitiu coñecer as porcentaxes nas que se atopan as catro calidades de pedra do Rosa Porriño: primeira calidade, óptima para extraer en grandes bloques con aproveitamento ornamental; segunda, con bloques de menos de 6 metros cúbicos; terceira, para construción ou albanelería, de menos de 4 metros; e o de baixa calidade, unha gran roca fracturada que no mercado vale como agregado triturado. O estudo fixo unha estimación da reserva de máis de 120 millóns de metros cúbicos, dos que o 17,97% correspóndese á calidade 1, case o 16,5% á calidade 2 e o 22,87% á 3, mentres que un 42,75% é da calidade máis baixa. O rendemento total, tendo en conta os materiais máis valorados, é do 34,38%, un dato “razoable para unha explotación que se considera economicamente viable”.

Con Galicia como principal exportador deste material, a calidade do granito como pedra ornamental depende de factores como o tamaño do gran, a cor… mentres que a súa explotación depende de características estruturais, como a orientación, a extensión ou a discontinuidade na densidade do material. Lonxe do que se conseguía coas alternativas clásicas, este novo modelo permite facer unha estimación das reservas tendo en conta non só o punto de vista comercial, senón tamén medioambiental: coñecer a calidade de cada bloque antes de cortar permite ter unhas previsións económicas máis realistas que faciliten unha planificación empresarial que mesture as necesidades do mercado cunha explotación máis racional a longo prazo.

Na fase final da avaliación de resultados e cubicación do xacemento porriñés, Giráldez recolleu “os puntos resultantes de aplicar a metodoloxía de krigeado en unha base de datos que se enlaza co modelo tridimensional mediante un identificador asignado a cada cela unitaria. Deste xeito poden realizarse consultas espaciais e temáticas no que constitúe unha aplicación propia dun sistema de información xeográfica en 3D”. Ademais, o autor propuxo ampliar o estudo de datos nun segundo xacemento, o de Mina Serrabal, situada nos concellos coruñeses de Vedra e Boqueixón.

También te puede interesar